A pregunta pola música ou como pensar a voces

Partamos de aquí: expoñerse a ese fenómeno sen analoxía chamado ´música´. Afrontar a tarefa de pensar a súa soberanía. Tamén os lugares aos que tal poder nos traslada. As ocasións cara as que a música nos perde. Pensar as marxes entre as que a música dispón o frondoso territorio da súa xurisdicción: o silencio e o ruido, a memoria e o esquecemento, a cura e a perdición,o Tempo -os tempos- e o espazo, o azar e a orde, o anxélico e o bestial… A ciencia e a poesia.

¿Que podemos dicirnos nese entre, que nos ten que dicir tal rareza ou miragre? E a propósito da cura e da orde e as súas sombras, ¿é posible atopar a ética nun medio que conta entre as súas maiores e mais inquedantes virtudes coa de expresar mais non significar? Partamos dunha contradicción: falar do que non se pode falar. A pregunta pola música e, por tanto, a súa profanación han de asumir que o seu é un transitar polo non-saber, pola supresión do coñecemento e da eficacia confiados nalgún tipo de fin positivo e tematizable.

Neste encontro arredor dun discurso que “nunca di demasiado” consideramos que filósofos e músicos deben ir xuntos á escola. Tamén os nonfilósofos e os non-músicos: porque todos temos unha relación con iso chamado música. Topamos a imposibilidade de nomeala máis alá. Precisamente por iso, porque a música non é unha cuestión intelectual senón máis ben unha máquina creadora de universos -como calquera de nós- pensamos que o carácter aporético da nosa tarefa pode servir de invitación a calquera.

Tamén, na nosa tenue consciencia dese non saber, adiviñamos que quizá non convén esperar demasiado e que tras este encontro entre os humanos e a música a cuestión fique como estaba. Pero nunca se sabe. Se cadra, mentres esta máquina extraña e familiar a un tempo se resista a encarnarse en personaxe do teatro filosófico, debamos nós, ao aveso, tentar facer de novo do pensamento música.

Pablo Seoane e Javier Turnes
Co-directores

Compartir:
  • Facebook
  • Twitter
  • Google Bookmarks
  • Meneame
  • Bitacoras.com
  • LinkedIn
Esta entrada foi publicada en Portafolio. Garda a ligazón permanente.

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Pode utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>